Oito persoas con TEA completan na Fundación Menela unha formación especializada en elaboración de chocolate orientada ao emprego

 

A Fundación Menela concluíu o pasado 27 de maio o programa «Procesos de elaboración de chocolate: Maestro Chocolatero», unha iniciativa de formación e inclusión sociolaboral que se desenvolveu entre o 16 de febreiro e o 27 de maio de 2026 no marco da convocatoria de axudas económicas para a selección de operacións de reforzo da empregabilidade para persoas con discapacidade «Uno a Uno» 2025-2026 da Fundación ONCE.

O proxecto, financiado a través do Programa Estatal FSE+ de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza 2021-2027 (PIN), contou cun total de 372 horas de formación e permitiu que oito persoas adultas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) adquirisen coñecementos e competencias orientadas á súa inserción sociolaboral.

Ao longo de máis de tres meses de formación, as persoas participantes desenvolveron unha aprendizaxe específica de carácter dual centrada nos procesos de elaboración artesanal de chocolate. O programa combinou contidos teóricos e prácticos que lles permitiron coñecer as técnicas de transformación e manipulación do chocolate, elaborar produtos propios e familiarizarse coas dinámicas de traballo propias do sector.

Ademais da formación técnica, o itinerario incidiu no desenvolvemento de habilidades socio-comunicativas e lingüísticas espontáneas e funcionais, na adquisición de competencias para a autonomía persoal e no reforzo das habilidades prelaborais e laborais necesarias para acceder e participar activamente en contornas sociais e profesionais.

Esta actuación enmárcase no Obxectivo Específico h) do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) 2021/1057, orientado a fomentar a inclusión activa para promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa das persoas, mellorando a empregabilidade, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos.

A través desta iniciativa, a Fundación Menela reafirma o seu compromiso coa promoción de oportunidades reais de formación e emprego para as persoas con TEA, apostando por programas especializados que favorecen o desenvolvemento de competencias profesionais, a autonomía persoal e a inclusión social e laboral.

O programa «Procesos de elaboración de chocolate: Maestro Chocolatero» constitúe unha experiencia de aprendizaxe e crecemento persoal para as oito persoas participantes, que rematan esta etapa cunha maior preparación para afrontar novos retos formativos e laborais, ampliando as súas oportunidades de participación activa na sociedade.

 

   

Xuño 2026 - Fundación Menela

 

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.