OS PEREGRINOS E PEREGRINAS DE MENELA INICIAN A ÚLTIMA ANDAINA A SANTIAGO DE COMPOSTELA DA MAN DO PROGRAMA ‘O TEU XACOBEO’
Hoxe os rapaces e rapazas do Centro de adultos Castro Navás volven a sentirse como peregrinos e peregrinas ante o inicio este luns 19 das cinco etapas que separan Pontevedra de Santiago de Compostela, onde chegarán o venres 23 de setembro. Por este motivo, a Fundación Menela, na súa sede de Castro-Navás (Priegue) presentou esta mañá a terceira e derradeira edición do proxecto 'Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos', unha iniciativa que se enmarca dentro do programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia para a dinamización do Xacobeo 21-22 e que conta, un ano máis, có apoio e colaboración do Concello de Nigrán.
Xacobeo Autismo. Un camiño de todos preséntase como unha reedición do proxecto executado ao abeiro das dúas anteriores convocatorias do programa ‘O teu Xacobeo’. Nelas un grupo de 20 rapaces e rapazas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) do Centro de Día e Residencial Castro Navás, do que é titular Fundación Menela, realizaron o Camiño de Santiago na súa variante do Camiño Portugués da Costa de A Guarda a Nigrán, 2019, e de Nigrán a Pontevedra, 2021. Agora será o culme ao comprender a parte final de Pontevedra a Santiago . A mellora da accesibilidade cognitiva mediante a colocación de pictogramas nos Concellos de paso, albergues e Centros de Saúde, e o agradecemento e recoñecemento o labor que desenvolveron os profesionais da Área Sanitaria de Vigo durante a pandemia vivida por mor da COVID-19, foron accións que enriqueceron o proxecto.
"Autismo, Inclusión, Diversidade, Participación, Accesibilidade e Visibilidade" son as palabras que, sen dúbida, mellor definen o proxecto, según o director xeral da Fundación Menela, Cipriano L. Jiménez Casas, quen tamén destaca os valores de esforzo e superación de cada unha das persoas que participa neste proxecto, así como o goce dunha experiencia compartida como a que se vive durante o Camiño.
"É unha alegría e unha honra para Nigrán ter un centro coma Menela no seu municipio e que se preocupe e teña a sensibilidade por facer o Camiño Portugués pola Costa accesible a todos os peregrinos. Nesta edición acadarán a meta de Santiago pero saben que o ano que ven o Concello colaborará con calquera outro proxecto que contribúa a construír o 'Nigrán para todos' polo que traballamos", indicou o alcalde, Juan González. Pola súa banda, o director da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa Montenegro, destacou a importancia de que sintan o Camiño tamén como seu e que, precisamente, poidan contribuír a mellorar a súa accesibilidade e a visibilizar o TEA ante a sociedade.
Pola súa banda, Adrián Vázquez Prol, persoa usuaria de Menela e quen participou nas derradeiras edicións, destacou como o máis positivo a posibilidade de durmir en albergues e nas súas liteiras, compartir momentos con outros peregrinos de toda Europa e, especialmente, coa rapazada dos colexios que os acompañou nas diferentes etapas. "Hoxe sentímonos ledos por poder seguir sumando experiencias e conmemorar este Ano Santo Xacobeo 21-22 coa peregrinación a Santiago de Compostela", resumiu ante o aplauso dos seus compañeiros.
Esta terceira edición transcorre por cinco etapas que enlazan as cidades de Pontevedra e Santiago de Compostela entre os días 19 e 23 de setembro de 2022; Barro, Caldas de Reis, Padrón e O Milladoiro serán os nosos puntos de pernocta. Unha peregrinación na que irán acompañados polos seus monitores e monitoras, compañeiros de viaxe e, sen dúbida, os mellores apoios que poden ter para gozar da experiencia, emocións e os valores humanos e sociais, culturais e espirituais do Camiño.
Ao abeiro do programa desenvolvéronse outras accións complementarias que o enriquecen e o enchen de valor. Alumnos do ciclo de Servizos Socioculturais á Comunidade do CIFP A Xunqueira de Pontevedra, e do CIFP Compostela de Santiago de Compostela, nos acompañarán na saída desde Pontevedra e na chegada a Santiago de Compostela, respectivamente. Asemade, no marco desta experiencia, Fundación Menela contribuirá a construción dunha sociedade máis igualitaria para todos mellorando a accesibilidade do Camiño de Santiago. Nesta edición colocará pictogramas, apoios visuais que facilitan a comprensión do entorno a persoas con TEA e outras dificultades de comunicación, nas estancias do Albergue Milladoiro, Albergue A Queimada en Caldas de Reis e na Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón.
Fundación Menela | 14 de setembro de 2022