POEJ ‘UNO A UNO’ ANO 2021-2022

Finaliza o programa formativo ‘Deseño e Maquetación para Servizos Editoriais’ coa formación de cinco persoas con TEA da Fundación Menela

Fundación Menela forma a 4 mozos e 1 moza na actividade profesional de “Deseño e maquetación para servizos editoriais” grazas a 'Uno a Uno', iniciativa de mellora da empregabilidade da Fundación ONCE.

O programa formativo contempla as necesidades e os apoios que precisan as persoas con TEA sen discapacidade intelectual asociada para acceder ao mercado laboral, proporcionando coñecemento técnico e experiencia práctica.

As empresas colaboradoras, Bamboo Art Studio, Rinoceronte Editora, Bimba & Lola e Clip Art acolleron a realización de prácticas nun entorno real onde desenvolveron competencias persoais e laborais.

O programa demostrou que as persoas con TEA poden aprender e poden traballar, aportando valor a súa empresa e rompendo cos prexuízos que ten boa parte do tecido empresarial.

Fundación Menela desenvolveu un programa formativo có obxectivo de mellorar os niveis de empregabilidade de cinco persoas novas con Trastorno do Espectro do Autismo sen discapacidade intelectual, ou Síndrome de Asperger, que acoden ao Servizo de Apoio Integral da Fundación Menela.

Tras superar a fase de formación teórica, á que se dedicaron un total de 160 horas e que estivo centrada na promoción de habilidades de autonomía persoal, sociais e específicas do posto de traballo, trasladáronse aos entornos laborais para poñer en práctica os coñecementos adquiridos, nos que estiveron un total de 120 horas. 

O proxecto formativo deu resposta á falta de oportunidades de formación que capaciten as persoas con TEA, e que permiten o acceso a actividades prelaborais significativas. Así tamén incidiu de xeito moi positivo no desenvolvemento persoal, axudando a todos eles a gañar confianza en si mesmas, así como autoestima, podendo ser precursor dun emprego remunerado.

Este proxecto responde ao esforzo de Fundación Menela para incrementar os recursos destinados a facilitar ás persoas con TEA o acceso a unha educación permanente e a unha variedade de experiencias formativas e laborais, que lles permitan afrontar a vida adulta con maior autonomía e independencia, contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida de acordo coa misión da fundación. Ao mesmo tempo contribúe a sensibilizar a sociedade e ao tecido empresarial sobre as súas competencias e a produtiva contribución que poden realizar nos distintos sectores de actividade, erradicando prexuízos e mitos en torno ao autismo.

Esta iniciativa está subvencionada a través da Convocatoria de Axudas Económicas para o Reforzo da Empregabilidade de Persoas Novas con Discapacidade "Uno a uno", ano 2021-2022 Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEJ) 2014-2020 cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE). En concreto, enmárcase no obxectivo temático 8: Promover a sostenibilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral. Obxectivo específico 8.2.2 dirixido a reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas novas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación e formación.

 

   

 

17 de xuño de 2022 Ι Fundación Menela

 

 

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.